Pois esta vez hai repetición, cun obxectivo, entendo eu, de materializar unha indignación cidadá cara a permisividade coa violencia cara os seres vivos, o 25 de marzo en diferentes cidades e vilas galegas. Porque hai persoas fartas de que algúns personaxes dediquen o seu tempo a rebentar animais, polo mero feito de seren animais, seres que non teñen medios de defensa e para paliar as súas patoloxías…
A reforma do Código Penal, que modifica o artigo 337, relativo aos delictos contra a fauna, puido ser cualificada de morna, e non o nego; máis supuxo un primeiro paso para traballar no eido lexislativo por un verdadeiro fortalecemento da dignidade dos animais non só domésticos, senón de todos. Hai que incidir na política, como xa fai algunha organización e coa base de que só mudando conciencias poderemos acadar novidades e unha maior protección dos seres vivos.
Porque as concentracións e protestas non poden quedar nun caso concreto, senón que teñen que denunciar a eiva actual do sistema, un barco que transita polo mar de xeito abrupto e cuxo patrón non ten as ideas claras. Existe a necesidade de artellar un verdadeiro movemento social que conxenie coas formacións políticas para crear iniciativas cribles, dende abaixo, e que muden as cousas.
O caso de Schnauzi, o canciño torturado en Lleida, non é nin moito menos, illado, é a figura de que neste país as cousas andan moi mal; onde os cazadores abandonan cans a finais das tempadas de caza, onde comprar un animal é tónica xeral e abandonalo sinxelo e barato. Onde algúns se divirten con touradas subsidiadas e levan os seus fillos para acadar a “perfección estética tauromáquica”. Onde aínda engaiolamos animais baixo a bandeira da conservación, ou metémolos en camións para facer saltos entre aros de fogo e pelotas.
E porque temos a necesidade moral de actuar, eu estarei na Coruña o vindeiro domingo, e, ti? Onde pensas estar?
No hay comentarios:
Publicar un comentario